Esta semana celebramos o Día das Letras Galegas, adicado a Florencio Delgado Gurriarán. Por ese motivo recomendamos dous libros deste autor e outros dous para coñecer mellor a traxectoria deste insigne este escritor galego.

As Letras Galegas 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, permiten a redescuberta dun autor inserido nas coordenadas da vangarda enxebre ao que cómpre engadir unha poesía, bastante descoñecida, que contén cantos xeórxicos, exaltacións dionisíacas e eróticas ou que participa da poesía de combate e denuncia social. A Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán inclúe Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986), así como un monllo de textos aparecidos en publicacións periódicas que confirman un autor que non só continúa o ronsel iniciado por Amado Carballo, senón que presenta variados estilos e temáticas. Esta rigorosa edición da Obra poética, que recompila toda a produción lírica coñecida do autor valdeorrés, estivo ao coidado do profesor e crítico Xosé Ramón Pena, que leva a termo unha ampla e minuciosa análise da obra de Delgado Gurriarán, así como da fixación dos textos.

Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) destacou como poeta, e segue a ser o autor máis representativo da súa Valdeorras natal. Pero foi tamén articulista, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor, corrector... E como moitos outros intelectuais galeguistas, tras o golpe de estado de 1936 tivo que tomar o camiño do exilio. No seu caso o lugar escollido foi México, onde levou a cabo un intenso labor cultural. Algúns dos proxectos que encabezou tomaron forma de publicación periódica, como as revistas Saudade e Vieiros. Nunha época en que a cultura galega se desenvolveu con máis vigor fóra ca dentro das súas fronteiras naturais, persoeiros como Delgado Gurriarán desempeñaron un papel fundamental para a súa supervivencia.
Un libro divulgativo sobre a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor das Letras Galegas 2022. Unha traxectoria marcada polo compromiso antifranquista e republicano. Unha biografía ao servizo do galeguismo desde o exilio mexicano.
Florencio Delgado Gurrriaran recolle en O soño do guieiro, como homenaxe ao seu amigo e compañeiro político, Castelao, poemas de corte social e reivindicativo publicados durante a República, a guerra e o exilio, dos que indica que son “a miña resposta a certos aconteceres deste século noso que xa anda nas encollas; son a expresión do meu reaxir de home galeguista, demócrata e liberal, amigo da España e da Galiza renascentes —amizades perfectamente compatibeis— e adversario decidido das ditaduras dereitistas ou esquerdistas”.